05 maio 2008

Galiza/Norte de Portugal






http://www.anosaterra.org/nova/galizanorte-de-portugal.html
05.05.2008 18:18
Na pasada semana tiven a honra de ser convidada como conferenciante da Asociación Ara Solis con sede social no Porto para falar do Noroeste Peninsular e da vinculación entre Galiza e os nosos veciños portugueses. Convidáronme en calidade de alcaldesa dun concello claramente raiano e con vocación de exercer cada día máis a súa condición de tal.
Compartín palestra co doutor Fernando Santos Neves, reitor da Universidade Lusófona do Porto, co Doutor Norberto Cunha Catedrático de Filosofía e coa doutora Elisa Ferreira, eurodeputada, ex ministra de Planeamento, ex ministra de Medio Ambiente e posíbel candidata dos socialistas á Presidencia da Cámara do Porto.
Foi un debate moi interesante, sobre todo pola claridade de exposición e de ideas da doutora Ferreira, que reflexionaba acertadamente sobre os problemas que para a súa relación con Galiza ten o feito de ser Portugal un Estado grandemente centralizado, onde todos os problemas, proxectos e planificacións pasan polo funil de Lisboa, que decide até os últimos investimentos. O melón da rexionalización ou descentralización é un debate sempre pendente en Portugal e polo que puiden comprobar xera grandes polémicas sobre as súas vantaxes, inconvintes e oportunidades.
Quedou patente tamén na reunión o descoñecemento mutuo a nivel cultural, histórico e mesmo lingüístico, pois a maioría dos portugueses cando os galegos atravesamos a fronteira teiman en falarnos castelán mesmo cando nos diriximos a eles en galego. Non embargante, a maioría tiña claro que en Catalunya se falaba catalán. Tampouco lles podemos reprochar demasiado; días despois asistín á conferencia dun galego en Vilanova de Cerveira (Portugal) en perfecto castelán, a pesar de que en galego todos terían entendido mellor. En resumo: se non exercemos nós de galegos e galegas non podemos pretender que nos recoñezan como tales…

Para máis información de Ara Solis:http://ara-solis-porto.blogspot.com

Sem comentários: